A Asociación Sociocultural “O Grilo”, moi activa en Pastoriza, encabezou a “andaina” que chegou á Virxe de Pedra sobre as 11:30h do último domingo de outubro. Semellaban cansos do camiño. No grupo viña xente de Arteixo, de Lañas e outros lares. Ao pe do cruceiro parroquial, o presidente da Asociación, Mundi Neira leu un fermoso texto con amplas referencias literarias, evocador da alma galega. Desde a parroquia, foron recibidos cunhas rimas agarimosas en recoñecemento á laboura desta asociación. Varios membros desta agrupación participaron cun conmovedor detalle: unha ofrenda floral á Virxe de Pastoriza, centro e coroa das festas do San Miguel. Adxuntamos os textos elaborados con motivo desta xeira.
VERSOS DE ACOLLIDA PARA A ASOCIACIÓN “O GRILO”
“Un grilo canta contento
cando sente que hai calor
e hoxe esta Asociación
espalla cantos ao vento.
En Pastoriza traballa
a prol desta veciñanza
compartindo a confianza;
disque o Grilo non che falla.
Acóllevos Nosa Señora:
Ela ama a estes seus fillos;
(tamén ás fillas dos “grilos”)
nacidos antes e agora.
Querede moito aos paisanos
coidade ben desta xente
que o voso exemplo Valente
dea froito moitos anos.
Que cando veñan a vernos
co “cri-cri” do grilo canten;
a xente as penas espante
e o amor alegre os invernos.”